A científica e divulgadora redondelá Paula Rivas presenta en Chapela o libro “A incrible viaxe de Antía ao cerebro humano”, editado por Xerais nunha actividade que terá lugar o xoves 23 na Biblioteca de Chapela ás 18:30 horas e que está pensada especialmente para nenos e nenas de entre 8 e 12 anos.
Divulgadora e científica cun doctorado en neurociencia, Rivas entende que é imprescindible facer traballo tamén de divulgación entre o público en xeral e entre os máis cativos e cativas en particular.Neste eido enmárcase a actividade que vai desenvolver o xoves 23 a biblioteca de Chapela coa presentación do seu libro a través do cal tenta explicar, dun xeito ameno e divertido, como funciona o cerebro e como interactúan as neuronas, nervios, sentidos e hemisferios cerebrais así como o traballo que desenvolven os científicos.
Unha actividade participativa na que estará aberta a responder a todas as preguntas da rapazada que, por experiencias anteriores, amosan curiosidade por diversas cuestións como enfermidades que poidan afectar a persoas próximas e particularmente polos seus estudos máis recentes na Universidade de Vigo que xiran en torno aos circuítos neuronais nas lampreas.
O traballo de Rivas está centrado en coñecer como funciona o cerebro. Unha investigación que a nivel práctico serve para saber como poderiamos tratar por exemplo determinadas enfermidades “si coñecemos como funciona o cerebro podemos indagar que fármacos se poden usar para reparar cando algo non funciona como debería” e tamén para estudar cales son os hábitos que van facilitar que o cerebro funcione correctamente. Ente eles salienta facer exercicio, comer ben, ler pero, sobre todo, ter unha boa calidade do sono.
A actividade do xoves día 23 en Chapela é de balde, con prazas limitadas, e a inscrición debe facerse na propia Biblioteca Xela Arias.