Tras unha pancarta co lema de “por unha sanidade pública sen recortes” veciños e veciñas de Redondela, Chapela, Pazos e Fornelos fixeron fronte común nunha manifestación que reuniu en Vigo milleiros de persoas convocados por SOS Sanidade Pública para reclamar máis recursos humanos e materiais para os centros de saúde así como esixir responsabilidades polos sobrecustes derivados da construción do Hospital Álvaro Cunqueiro.
A marcha convocada co obxecto de “reconstruír a área sanitaria de Vigo” ateigou os 600 metros de baixada dende o cruce de gran Vía con Urzáiz ata a intersección de Colón con Policarpo Sanz.
A marcha contou coa participación de milleiros de persoas, entre elas representantes de PSOE e BNG.
Entre as reivindicacións escoitadas no transcurso da mobilización ocupou un espazo preeminente o rescate da concesión do Álvaro Cunqueiro para que sexa xestionado integramente polo Sergas. No manifesto tamén se criticou que unha parte da poboación siga sendo atendida por Povisa cun concerto económico sen transparencia e sen alternativa pública para poder reverter a situación.
Os manifestantes chegados dende o noso concello e contorna alertaron do deterioro na prestación e calidade nos centros de saúde pola falta de facultativos, a non cobertura das baixas e a saturación do servizo, o que se traduce tamén en logas esperas para seren atendidos.
Lembran os casos concretos da nosa bisbarra como no Centro de Saúde de Redondela, onde á falta de dous médicos do centro sumase a falta de cobertura das baixas e permisos de longa duración con sobrecarga para os profesionais.
No Centro de Saúde de Chapela pola súa banda, hai baixas e ausencias sen cubrir que obriga as persoas usuarias a desprazarse ao PAC de Redondela, sendo esta situación un prexuizo para os e as veciñas ademais de repercutir no propio PAC de Redondela, afectando a atención que deberían recibir estes desprazados así como os adscritos o centro de Redondela, que veñen a agardar ata 15 días para seres atendidos.
No caso de Pazos e Fornelos o desprazamento da pediatra que prestaba servizos nestes centros obriga a preto 160 nenos a desprazarse para ter cobertura a súa atención. A maiores, a dotación de persoal en ambos centros é insuficiente, con 1600 cartillas e cunha poboación moi envellecida con mais necesidade de atención a saúde e con gran dispersión, supón unha sobrecarga de traballo para os profesionais.