O colectivo tense convertido nos últimos meses nun referente de resistencia popular ao concentrase todos os luns na praza do Concello. Unha convocatoria que manteñen malia o acordo de alto o fogo entre Hamas e Israel que previsiblemente entrará en vigor o vindeiro domingo pero que “non vai supoñer un parón nas hostilidades contra o pobo palestino, xa que estamos falando dun alto ao fogo parcial de 10 horas ao día na súa primeira fase”. Temen ademais que se incrementen os ataques tal e como ten acontecido nas últimas horas.
Logo da euforia inicial cando o mércores se daba a coñecer o acordo de alto ao fogo en Palestina, nunha guerra que arrancou en outubro de 2023, os ánimos parece que se teñen desinflado porque na últimas horas os ataques en Gaza por parte de Israel continúan ou incluso se teñen intensificado, tla e como denuncia Beatriz Carrasco dende o colectivo Redondela por Palestina.
Un acordo que malia ser un respiro para os gazatís non supón eliminar as hostilidades por partede Israel xa que non detén o xenocidio en si e incluso recolle que os bombardeos só se deteñen dez horas ao día non de xeito completo e definitivo. Temen ademais que se pase dun “xenocidio aberto” a un “xenocidio por goteo” que xera menos oposición por parte da sociedade e comunidade internacional.
Ante esta realidade o colectivo continuará coas concentracións “compre incrementar a presión porque este cesamento do fogo pode dar lugar a outro tipo de violencia máis velada e de menos custes económicos para Israel pero igual de crítica para os palestinos e palestinas que a levan padecendo dende hai más de 70 anos”.
Denuncian a falta de compromiso dos nosos goberno, tanto español como galego, que non pecha as súas relacións económicas co estado sionista.
Ademais das concentracións dos luns teñen previsto novas accións como a involucración dos centros educativos na iniciativa “intifada postal”, unha idea que naceu dunha nena de tan só 6 anos, que contactou co colectivo para propoñerlles recoller cartas pedindo a fin da guerra en Palestina.