Hoxe é Sábado 15 de Marzo de 2025

En risco a recollida do lixo en Redondela ao non permitir Sogama a descarga dos camións

lixo

O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar asegura que dende o pasado martes os camións que fan a recollida municipal do lixo non poden descargar na Planta de Transferencia do Porriño coa única explicación de que “non teñen espazo para almacenar os residuos”. O edil explica que de continuar esta situación “non se poderá seguir facendo o baleirado dos colectores con regularidade”.

A recollida dos residuos sólidos urbanos no municipio de Redondela está comprometida pola falta de capacidade de Sogama. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, explica que o lixo que se recolle nos colectores é trasladado diariamente á Planta de Transferencia de Sogama no Porriño. Desde alí transpórtase logo por ferrocarril a Cerceda.

Desde o pasado martes este servizo está a verse comprometido “porque os camións que fan a recollida municipal do lixo non se lles permite descargar no Porriño”, sinala Villar. A única explicación que ofrecen os operarios da Planta de Transferencia de Sogama a Urbaser (empresa concesionaria da recollida municipal), é que “non teñen espazo para almacenar o lixo”. O concelleiro advirte que “ao non poder descargar os camións na planta, non se pode seguir facendo o baleirado dos colectores con regularidade”. O goberno local lamenta que desde Sogama “non se ten notificado nin ao Concello nin a Urbaser cal é o problema coa recollida” e tampouco se coñece que medidas van tomar para corrixir esta situación “que precisa unha solución urxente”.

O responsable municipal afirma que a situación da Planta de Transferencia de Sogama no Porriño “é precaria desde hai moito tempo pola súa falta de capacidade, e o funcionamento non é o correcto”. Villar denuncia que a Xunta de Galicia e Sogama “non están a prestar un bo servizo á cidadanía, as instalacións son obsoletas e non cumpren coa súa función na xestión dos residuos.” Villar denuncia que “o incremento da taxa de Sogama supón para o Concello case 300.000 euros máis ao ano, e o servizo é cada vez peor”. O edil esixe á Xunta de Galicia “que deixe de pelexar co Goberno Central por este asunto e que se poña a xestionar mellor os residuos”. Para Villar no se trata dun problema de tarifas “senón de eficacia na prestación do servizo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: