Hoxe é Sábado 15 de Marzo de 2025

A SAR Opmobility vence no segundo derbi contra o BM Chapela da tempada

475859958_1148106757324250_2905186675398113930_n

Foto de Patry Rivas

Os equipos de balonmán de Redondela viviron unha xornada intensa esta fin de semana, con resultados dispares nos distintos encontros disputados.

En Primeira Autonómica Masculina, a SAR Opmobility levouse o derbi contra o BM Chapela, nun partido disputado no pavillón municipal Manuel González Soto. O marcador final de 29-33 permite aos da SAR manter a terceira posición cunha impresionante racha de catro vitorias consecutivas, mentres que o BM Chapela queda na cuarta praza da clasificación. Esta é a segunda vez que a SAR gaña o Chapela nos encontros entre locais na liga desta tempada.

En redes, a SAR comentaba o seguinte: “O noso equipo arrincou con dificultades, acumulando numerosas perdas de balón, e cun Chapela máis sólido que levou a iniciativa durante gran parte do encontro. A primeira metade foi moi igualada, con constantes intercambios de goles, e pechouse cun axustado 16-15 favorable aos locais. Tras o descanso, o Chapela apertou e logrou abrir unha brecha de tres goles (26-23, min 45), poñendo aos nosos contra as cordas. Pero cando máis complicado parecía, os nosos mozos sacaron a súa mellor versión. Cun parcial demoledor no último cuarto, voltearon o marcador e terminaron impoñéndose por 29-33, certificando unha remontada de carácter e bo xogo”.

Na liga nacional de División de Honra Prata Feminina, a SAR Rodavigo acadou unha contundente vitoria na casa contra o Balonmano Romade. Equipo canario, cun marcador final de 36-22. Con este resultado, o equipo redondelá suma dous puntos valiosos e colócase na sétima posición da clasificación.

En redes, o club explicaba o seguinte: “Desde o primeiro minuto, as nosas mozas impuxeron o seu ritmo e levaron a iniciativa do partido. Aínda que as visitantes tentaron manterse na loita durante a primeira metade, lograron chegar ao descanso cun 16-13 que aínda deixaba o encontro aberto. Con todo, na segunda parte, a SAR Rodavigo non deu opción. Cun xogo sólido e aproveitando ben as rotacións do banco, foi ampliando a vantaxe ata pechar o partido cun contundente 36-22 ante a súa afección. Con esta vitoria, o equipo suma dous puntos importantes e xa se centra no seu próximo desafío: a visita á cancha do Balonmán Cañiza, no que será un emocionante derbi galego”.

En canto ao balonmán feminino autonómico, as xogadoras do Cíes Obra Civil Balonman Chapela non tiveron a mesma sorte no seu desprazamento para enfrontarse ao BM Cangas. O equipo caeu derrotado por 34-20 e sitúbase na oitava posición da clasificación con 4 puntos.

Finalmente, en Segunda Autonómica Feminina, As Choqueiras de Redondela non lograron sumar na súa estrea como equipo sénior esta tempada. Enfrontáronse na casa ao BM Brigantium Nunegal, caendo por 23-37, o que as mantén como pechacancelas do grupo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: