Hoxe é Sábado 15 de Marzo de 2025

Reclaman a creación do museo Ángel Barros

angel barros

Un grupo de persoas vinculadas co pintor redondelán veñen de constituírse en asociación co obxecto de velar polo legado de Barros e impulsar o compromiso do Concello para, logo de aceptar a doazón de máis de 150 obras do artista, outorgarlle un lugar de conservación axeitado. Neste sentido reclaman que se retome o proxecto museístico nas antigas Casas do Mestres. Preparan ademais un ciclo de actividades que arrancarán cun acto con expertos en arte para dar coñecer a obra de Barros.

A iniciativa xurde o pasado mes de decembro cando un grupo de amizades e persoas vencelladas á figura do mestre redondelán e ao mundo da cultura constituíron unha asociación que ten como principal cometido velar polo futuro do seu legado pictórico, así como impulsar a posta en marcha do prometido museo de pintura como parte do ambicioso proxecto do Museo de Historia e Antropoloxía do municipio.

A entidade está presidida pola xornalista Carolina Sertal e conta entre os seus integrantes con Cuchi Carreira, Tatán, Noemí Moreira, Xurxo Martínez González, Xurxo Constela, Andrés Couñago, Xoana Ocampo, Carlos Rodríguez (Saxa) e Blanca Francés e Carolina Sertal, todas elas persoas seguidoras da traxectoria de Ángel Barros, consideran que cómpre dar a coñecer a importante doazón que o artista cedeu ao pobo redondelán, unha colección de máis de 150 cadros taxados nuns 350.000 euros. Así mesmo, queren impulsar o compromiso do Pleno do Concello de Redondela para outorgarlle un lugar de conservación axeitado e de acceso público, tendo en conta que Barros asinou un acordo de doazón en 2023 coa alcaldesa, Digna Rivas.

O lugar escollido para o levantamento do museo foron as antigas Casas dos Mestres, pero logo dos informes técnicos, o edificio tivo que ser derrubado e complicou o proceso. Neste 2025, a asociación considera que se debe retomar o proxecto e, coa finalidade de darlle un pulo, a entidade levará a cabo un ciclo de actividades para dar a coñecer a obra e tamén a vida de Ángel Barros, marcada polo franquismo e a represión.

Neste senso, unha das primeiras actividades que impulsará a asociación a prol do Museo Ángel Barros será dar a coñecer o contido total dos cadros que o mestre restaurador doou ao pobo de Redondela celebrando un acto no que se persoas expertas no mundo da pintura e da arte achegarán unha explicación sobre os mesmos.

Exemplo de superación

Dende a entidade destácase que a vida de Ángel Barros pode ser un exemplo para a toda a cidadanía, pois nunha infancia gris a arte deulle esperanza. Malia todas as dificultades  que marcou a represión franquista na súa infancia e adolescencia, tras traballar en distintos países de América e Europa en oficios por veces moi distantes da arte, Ángel Barros acadou co seu propio pulso ser o responsable do obradoiro de restauración do Ministerio de Cultura de Francia e, por tanto, traballar e restaurar de primeira man varios dos cadros máis célebres da historia da pintura conservados no Museo do Louvre, de aí que sexa fundamental a súa posta en valor, tanto pola súa traxectoria profesional como pola súa calidade humana.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. Ángel Barros, home de sinxeleza e de fondura artística, que comprende a arte como compromiso transformador da realidade, ben merece unha acollida e un gardar os anos da súa entrega en tantas e tantas obras de arte. Toda unha riqueza para a nosa vila, para que nen@s, e non tan cativos poidamos contemplar obras de grandes mestres sen ter que desprazarnos a outros lugares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: