Os comuneiros das parroquias de O Viso, Ventosela, Reboreda, Quintela, Saxamonde e Vilar rexeitan rotundamente o trazado da futura autovía A-59 por considerar que vai supor “unha afección definitiva na vida dos veciños, destruíndo a contorna, os mananciais, dividindo as parroquias, eliminando accesos e, en definitiva, cambiando de xeito radical a vida dos veciños tal e como a entenden a día de hoxe nas parroquias afectadas”.
A presidenta da comunidade de montes de Reboreda, Rosa Fernández, insiste en que o rexeitamento a esta infraestrutura conta co “total respaldo dos comuneiros das distintas parroquias” tal e como manifestaran “de maneira firme e clara” nas respectivas asembleas xerais. A decisión de facer público este posicionamento responde ao que califican de “emprego totalmente partidista” do acontecido no Consello parroquial de Reboreda celebrado a finais de outubro. Dende a Presidencia do órgano consultivo fixérase público que o Consello apoiaba a construcción da autovía sen puntualizar que dos once votos emitidos “5 mostraron o seu rexeitamento á A-59 mentres que dous dos seis que apoiaron a construcción da autovía corresponden a persoas que non viven na parroquia” Rosa Fernández insiste en que “é moito máis representativo o acordado na asemblea dos comuneiros cun resultado que non deixa lugar a dúbidas, xa que 128 votaron en contra de vía e 14 a favor que o resultado da votación no Consello parroquial”