Hoxe é Venres 14 de Marzo de 2025

Unha vida ao servizo das nais: Marisol Santomé recibe o recoñecemento María a das Mil Flores

Sin título (Presentación)
Parte da extensa e valiosa conversa con Marisol Santomé en Radio Redondela.

Marisol Santomé, unha matrona con case dúas décadas de experiencia en Arcade (2004-2022), recibe este ano o recoñecemento María a das Mil Flores, un recoñecemento outorgado polo Concello de Soutomaior pola súa dedicación ao coidado das mulleres durante o embarazo, o parto e o postparto dentro do programa do 8M “Matronalia”. A súa traxectoria, marcada polo compromiso coa saúde materno-infantil, terá un espazo destacado no faladoiro sobre o rol das matronas na historia, que se celebrará mañá venres 14 de marzo ás 20:00h no Multiúsos de Arcade. Alí, Marisol compartirá as súas vivencias e reflexionará sobre a evolución da profesión, os desafíos actuais e temas tan cruciais como a humanización do parto ou a violencia obstetricia.

Para Marisol, iniciativas como este faladoiro son fundamentais. “É unha oportunidade para visibilizar o papel das matronas ao longo do tempo e para poñer en valor o que facemos”, asegura. Recibir o premio do Concello de Soutomaior, pola súa banda, a enche de gratitude: “Significa que o traballo que fixen durante tantos anos se recoñece, non só pola parte técnica, senón tamén polo acompañamento humano, que é igual de importante”. Para ela, ser matrona é un verdadeiro privilexio. “Sobre todo, aprendín moito das nais: a súa forza, a súa intuición, o seu xeito de enfrontarse a algo tan intenso”, confesa.

A evolución da profesión que Marisol presenciou é notable. Cando comezou, a figura da matrona estaba nun momento de transición. “Antes dos anos 70 as matronas axudaban a parir nas casas, nun entorno natural e co círculo de confianza da muller. Logo, coa chegada aos hospitais, o parto pasou a verse como unha patoloxía”, explica. Este cambio trouxo complicacións, xa que o ambiente hospitalario, a miúdo cargado de inseguridade ou medo, interfería no proceso hormonal natural do parto. “A oxitocina, que o corpo libera nun estado de benestar, comezou a administrarse de forma externa porque a muller non sempre se sentía cómoda nin segura”, lembra. Non culpa aos médicos da época, senón a un sistema que priorizaba a intervención sobre a fisioloxía.

A partir dos anos 2000, as cousas empezaron a mudar. “Hoxe hai estudos máis exhaustivos e tense moito máis en conta o benestar da muller”, di Marisol. A xerarquía que antes marcaba as relacións nos hospitais, e que ela viviu como algo negativo, tamén se transformou. “Agora coidámonos entre compañeiros e traballamos nun ambiente de confianza, algo esencial para calquera profesión”, afirma. Outro avance que destaca é a incorporación progresiva de homes a unha profesión tradicionalmente feminizada.

Sobre a violencia obstetricia, Marisol reflexiona que non se trata dunha intención directa dos profesionais, senón dunha consecuencia daqueles cambios dos anos 70 e 80, cando o parto se instrumentalizou e as xerarquías hospitalarias afastaron a práctica do respecto pola muller. “Foi unha dinámica que se foi corrixindo, aínda que queda camiño por andar”, admite.

Os case vinte anos en Arcade deixaron en Marisol recordos imborrables. “Cada parto é especial, pero gardo con cariño aqueles momentos nos que sentías que a muller confiaba en ti e se sentía protagonista do seu proceso”, conta. A súa conexión co oficio vén de lonxe a través da súa nai: desde pequena asistiu a seis partos naturais, unha experiencia que a marcou profundamente e que, sen sabela entón, sementou a semente da súa vocación. Entre os retos históricos das matronas, sinala a loita por recuperar o carácter natural do parto. Na actualidade, o desafío é outro: “Que as mulleres cheguen ao parto sen medo, sabendo que serán respectadas e escoitadas”.

A técnica e a empatía, para Marisol, van da man. “Nun parto normal, a muller necesita sentirse segura para que o seu corpo funcione como debe. Iso require paciencia, agarimo e deixar que as cousas flúan sen présa”, explica. Pon como exemplo as episiotomías, que antes se facían de forma rutineira para evitar desgarros, aínda que o tecido perineal é elástico e, en moitos casos, non require intervención. “Os desgarros non son tan habituais como se pensaba, e unha episiotomía é unha cirurxía que se pode evitar se hai respecto polo tempo natural do corpo”, asegura.

Marisol tamén lembra anécdotas que reflicten os cambios culturais. Nun parto, un médico dixo: “Xa chegou Marisol, agora temos que empezar a darnos todos bicos”. Aínda que era un profesional competente, aquela frase, para ela, encerraba un machismo sutil que hoxe xa non se tolera. “Antes valorábase o título por riba do bo facer. Agora, ofrecer respecto é o normal, e iso é un gran paso”, celebra.

Co premio María a das Mil Flores e a súa participación no faladoiro, Marisol Santomé segue sendo unha voz clave para entender o pasado, o presente e o futuro dunha profesión esencial. “O importante é que as mulleres non se sintan vítimas, senón protagonistas. E niso, as matronas temos moito que achegar”, conclúe.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: