A incorporación ao inventario municipal de dúas fincas situadas na contorna dos muíños do Daión permitirá avanzar na recuperación do conxunto etnográfico situado no último afluente do Verdugo e no que están contabilizados ata nove muíños. O goberno local ten previsto investir uns 200.000 euros na zona para a súa posta en valor. Por outra banda tamén se adquiriron terreos na contorna da Casa do Concello para a creación dun núcleo de centralidade nese espazo.
O goberno local asinou xa a documentación para a incorporación ao inventario municipal de dúas fincas situadas na contorna dos muíños de Daión e outras dúas situadas na contorna da Casa do Concello. Un paso fundamental de cara a que o Goberno de Soutomaior avance cos proxectos para ambos os dous ámbitos: a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión e a creación dun núcleo de centralidade a carón da Casa do Concello.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo agradeceu “a disposición en todo momento dos veciños e veciñas implicadas para que o Concello poida contar canto antes con estes terreos e avanzar na transformación de ambos os dous espazos”.
O Goberno de Soutomaior ten xa desde o ano pasado sobre a mesa un proxecto para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión, así como a contorna do barrio da Devesa e a Xunqueira de Arcade. Ademais da recuperación da contorna dos muíños, o proxecto inclúe a incorporación de mobiliario integrado con materiais nobres, creando espazos de lecer na zona para o uso e desfrute da veciñanza.
Unha actuación na que o Goberno local ten previsto realizar un investimento aproximado de 200.000 euros e para a que leva meses traballando para a obtención de financiamento europeo, coa vista posta en que a recuperación dos muíños de Daión sexa unha realidade a mediados de 2026.
En canto á Casa do Concello, o Goberno de Soutomaior presentou o pasado mes de xaneiro un proxecto para o arranxo do salón de plenos municipal. Un proxecto que tamén recolle a creación dun núcleo de centralidade na contorna da casa consistorial, humanizando o espazo e incluíndo elementos de mobiliario urbano, como bancos e árbores, cun investimento aproximado de 240.000 euros.