A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de admitir a trámite o recurso presentado polo grupo municipal do PP de Redondela contra a modificación da ordenanza reguladora do servizo de recollida, transporte e tratamento de lixo que supuxo que, desde o presente ano, esta taxa se incremente “nunha media do 165% tras a súa aprobación en pleno por parte do goberno de Digna Rivas co apoio dos seus socios de AER e BNG” segundo explica o popular Javier Bas.
O Tribunal galego ditaminou que vai estudar e tomar en consideración a reclamación presentada polos populares e vén de dar o seguinte paso neste proceso reclamándolle ao Concello de Redondela o expediente completo nun prazo máximo de vinte días.
Os populares insisten en que a modificación desta taxa supón unha “suba estratosférica” no recibo do lixo para o presente ano 2025 e seguintes que se situou nunha media do 165%, “o que supón, de longo, o aumento deste tributo máis elevado de entre os 61 concellos da provincia de Pontevedra e que, entendemos, se realizou exclusivamente para pagar débedas e tapar a mala xestión económica de Digna Rivas”, afirmou o voceiro municipal, Javier Bas.
Este incremento fiscal do servizo de recollida de residuos e limpeza traduciuse nun aumento de algo máis do 40% para as vivendas e por riba do 300% para moitos negocios, comercios e pemes, que en bastantes casos vén como as súas tarifas superan os 2.000 euros anuais e que tamén consideran “inxusto e ilóxico” este aumento, posto que moitas destas actividades apenas xeran uns poucos quilogramos mensuais de residuos orgánicos.
O PP de Redondela valora positivamente que a xustiza admita a trámite este recurso xa que supón un respaldo ao traballo realizado dende a súa formación.
Unha resposta
O Partido Popular merecese entrevista para explicar isto. Tema moi serio.