Baixo o título “Mulleres: da historia á memoria” o alumnado pode coñecer o legado que moitas mulleres deixaron en Redondela e que foron silenciadas pola historia. Os percorridos contan coas explicacións da guía profesional Soledad Chayán quen vai explicando á rapazada quen foron algunhas das mulleres que forman parte da nosa historia local. Unha actividade enmarcada dentro da programación do 8M do Concello de Redondela.
O percorrido a pé comeza na praza de Ponteareas, onde nenos e nenas coñecen a historia das mulleres do Convento de Vilavella ou a Lenda da Moura. Outra parada obrigada é a contorna da antiga fábrica de Regojo, onde a man de obra feminina fixo posible unha gran industria téxtil. O percorrido achégase ata a Casa da Torre para coñecer a Carolina García Tenreiro. Mestra e política do Partido Republicano Radical, en 1934 foi nomeada concelleira de Redondela, sendo a primeira muller nese cargo.
As “madriñas” de San Simón son tamén protagonistas deste roteiro, ao igual que Ernestina Otero, Rita Regojo, Lola “a Jamaica” ou Josefa Puga “a Garavilla”. As rutas guiadas para escolares continuarán ao longo dos meses de marzo e abril.