Na sesión que se celebrará esta tarde ás 20:00 horas, os membros do consello abordarán diferentes temas de relevancia para a parroquia como a ampliación da AP-9 ou a situación de diferentes servizos privatizados do concello. A Asociación de Veciños solicitou ademais a comparecencia do Concelleiro de vías e obras “pola situación de abandono que presentan varios camiños da parroquia”
Ademais de reclamar a comparecencia do edil Manuel Iglesias para que dea conta dos traballos ou previsións que fai o seu departamento para acometer melloras nos camiños que presentan “un estado lamentable”, o consello que se celebra esta tarde abordará tamén outros asuntos tales como as últimas informacións que obran en poder do goberno local sobre o proxecto de Fomento para a ampliación da autoestrada AP-9.
Algúns dos colectivos presentes no Consello denunciarán tamén ante os representantes políticos os “incumprimentos de Urbaser, a empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e as anomalías detectadas nos servizos que ofrece Aqualia”.
Outros puntos incluídos dentro da orde do día centraranse en ofrecer aos asistentes información sobre os plans existentes para o espacio que ocupa a vai do tren aos seu paso pola parroquia de Chapela, así como a situación actual das obras do centro de deportes acuáticos e os prazos que se barallan no concello para a súa conclusión. Lembramos que as obras non rematarán tal e como estaba previsto a finais deste ano xa que o alcalde confirmou que se ten solicitado unha prórroga de seis meses para a finalización dos traballos.