Hoxe é Martes 1 de Abril de 2025

Vilar acusa ao concello de Mos de apropiarse do miliario de Vilar-Santiaguiño

santiaguiño

O centro cultural de Vilar denuncia a “falta de rigor histórico” no tratamento deste elemento do patrimonio por parte do concello de Mos e solicita aos concellos de Redondela e Mos que realicen o deslinde de maneira dilixente por respecto á memoria e á historia. Acusan ao concello veciño de “apropiarse de xeito indebido” dun elemento patrimonial compartido e instan ao Concello de Redondela que presente unha queixa formal ante as autoridades competentes.

O Centro Cultural de Vilar decide retomar esta reclamación tras unha información sobre o proxecto de iluminación patrimonial no Camiño de Santiago ao seu paso por Mos. Nesa información, faise referencia ao Miliario de Vilar – Santiaguiño como un elemento exclusivamente pertencente a dito municipio, cando en realidade o dito miliario atópase na linde entre concellos e, polo tanto, forma parte tamén do territorio de Vilar e do Concello de Redondela.

O Concello de Mos xustifica e tenta ampararse para dita afirmación no erro existente na cartografía do IGN (Instituto Geográfico Nacional) “consideramos que se actúa de mala fe, xa que coñecen perfectamente a historia de dito elemento: un elemento patrimonial que se atopa a día de hoxe no seu lugar orixinal e non nun museo precisamente por ser marco entre os concellos e parroquias”. Lembran que foron os veciños de Vilar os que impediron o seu traslado ao Museo de Pontevedra a principios do século XX, cando Sampedro Folgar, Filgueira Valverde, Novas e o gobernador civil D. Ángel del Castillo intentaron permutalo para levar o orixinal ao museo. Os veciños fixéronlle fronte, manifestando que “o Marco non se movía de alí”.

Ante o que entenden “unha apropiación indebida dun elemento patrimonial compartido” dende o centro cultural instan ao Concello de Redondela a que presente unha queixa formal ante as autoridades competentes. Tamén solicitan ao goberno local a que inste a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a solicitar o debido permiso ao Concello de Redondela para que as actuacións previstas no proxecto de iluminación sexan levadas a cabo de maneira oficial en ambos municipios, garantindo un tratamento equitativo e respectuoso coa realidade histórica e territorial do lugar.

En caso de non ser así, solicitan ao Concello de Redondela que denuncie e non permita levar a cabo ditas obras.

No camiño de reivindicar a propiedade deste elementos lembran que xa “no mes de xuño do ano pasado, o Centro Cultural de Vilar, xunto co resto das asociacións de Vilar, presentou alegacións ao PXOM, así como unha moción para solicitar o inicio dos trámites de deslinde, co fin de corrixir o erro existente no IGN. Ademais, esixiuse que no PXOM de Redondela se recollan de forma clara os lindes reais e que se catalogue adecuadamente o elemento en cuestión, así como a mámoa situada nas proximidades”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: