Baixo o lema “A ciencia e o medio, en galego!” o calendario recolle algunhas das especies de fauna e flora autóctona e con maior presenza nos nosos bosques e na enseada, algún invento científico así como o santoral en galego
Un ano máis confeccionáronse uns calendarios que servirán de apoio ao traballo de dinamización e normalización da lingua que os centros de ensino público do concello
de Redondela veñen facendo ao longo de todo o curso, pero cambiando o modelo clásico de almanaque de parede por outro que será de mesa.
Nesta ocasión escolléronse como motivos dúas conmemoracións que se celebrarán o vindeiro ano: o Ano Internacional dos Bosques e máis o Ano Internacional da Química,
promovidos polas Nacións Unidas.
De tal xeito que o lema A ciencia e o medio, en galego! vai estar presente nas aulas e nas casas redondelás, para lembrar que a nosa lingua pode e debe usarse tamén nas
materias de ciencias, aínda que o Decreto do plurilingüismo reduza a presenza da nosa
lingua nalgunhas materias do ámbito científico-tecnolóxico.
As Concellarías de Normalización Lingüística e Medio Ambiente fixeron posible este
calendario no que se pode consultar o santoral en galego, algunhas das especies de
fauna e flora autóctona e con maior presenza nos nosos bosques e na Enseada, algún
invento científico e, sobre todo, o traballo que os centros están facendo a prol da nosa
lingua no seu ámbito de traballo.