O Bando de Reis Airiños de A Peneda é o único que funciona en toda Galicia. Dende hai máis dunha década traballan na recuperación dos temas tradicionais o que lles permitiu recompilar 17 panxoliñas e cantos populares que se adoitaban interpretar como un “desafío musical” entre os barrios da parroquia.
Os máis de 60 compoñentes do Bando de Reis de O Viso volverán amenizar coas súas músicas e os seus bailes a mañá do festivo. Unha agrupación que leva máis dunha década de traballo recuperando as letras tradicionais que no pasado enfrontaban verbalmente a uns barrios con outros nun “desafío musical” que se prolongaba durante a noite de Reis. Logo de 37 anos sen se celebrar, no ano 99 uns grupo de amigos capitaneados por Enrique Lara decidiron retomar a tradición que aínda lembraban da súa mocidade. Logo dunha pequena experiencia inicial ao seguinte ano eran xa máis de sesenta os que se apuntaron acudindo aos ensaios. Foi necesario tamén un longo traballo de recuperación das letras botando man dos maiores da parroquia que aínda lembraban algunhas melodías dos vilancicos e panxoliñas que adoitaban cantar. A día de hoxe teñen xa un repertorio cun total de 17 cancións tradicionais da comarca. Se o tempo o permite, o bando de Reis de O Viso participará mañá xoves no tradicional desfile de Rondallas e Ranchos xunto ás agrupación Santa Eulalia de Mos, a rondalla de Beade, a de San Salvador de Louredo e a de O Freixo- Matamá. Escoitaranse tamén as voces do rancho de Reis de Cortellas a partir das 11:00 horas.