O ciclo, que arranca este venres ás 20:30 horas no Multiusos da Xunqueira, inclúe a proxección do documental “A nova aldea” e unha conferencia sobre horticultura urbana en Galicia
Unha mesa redonda, un documental e unha conferencia completan un ciclo organizado pola Asociación de Consumo Responsábel Loaira onde se inclúen diversas temáticas e experiencias que contribúen a repensar a nosa relación co medio e a mostrar que a transformación social é posible. As actividades arrancan este venres ás 20:30h no Multiusos da Xunqueira onde terá lugar a mesa redonda baixo o título “Consumo responsábel, ferramenta de transformación”. Participarán Xabier Rodríguez da Cooperativa de Consumo Responsábel Árbore, Belén Fervenza, labrega de Horta do Cadaval e Chus Diéguez, de Loaira. Proxectarase tamén a curta “tres historias e un vaso de leite”. O xoves 17, ás 20:30 no mesmo espazo proxectarase o documental “A Nova Aldea”, de Carlos Oro onde se inclúen diferentes historias arredor de iniciativas orixinais que amosan que vivir no rural é posíbel. Finalmente, o venres 25 na Casa da Torre poderase asistir ás 20:00h á conferencia “A horticultura urbana da Galiza”.a cargo de Ramón Paz, da Asociación Galega de Horticultura Urbana, na que se darán a coñecer diversas experiencias de cultivos no pais e se afondará na idea de que vivir nun entorno urbano non significa ter que renunciar á actividade agrícola. As actividades pretenden fomentar o debate mostrando a posibilidade real de mudar hábitos, criterios, valores, inxustizas e relacións na nosa sociedade.