A Comunidade de montes desta parroquia denuncia que a construcción da autovía vai supor a perda de 130.000 metros cadrados de monte e a tala de 10.000 árbores adultas. Ademais entenden que a infraestrutura suporá a desaparición da asociación comunal ao deixar un monte “imposible de coidar e explotar debido ás barreiras que se establecen e ao terreo desnivelado que queda onde será imposible o traballo coa maquinaria actual”.
Esta é tan só un dos argumentos que os comuneiros puxeron enriba da mesa na última asemblea xeral celebrada o domingo e onde a totalidade dos asistentes amosaron “de maneira clara e rotunda a súa oposición e rexeitamento e este proxecto”.
Dende o colectivo temen tamén as incidencias que esta obra vai supoñer para os mananciais das distintas traídas veciñais que abastecen de auga de consumo á totalidade dos veciños da parroquia “ben sexa coa destrución dos nacentes como das roturas das redes de subministro e o illamento do Monte Mendo que é de onde sae a meirande parte da auga de consumo das vivendas da zona”.
Dende a Comunidade de montes denuncian tamén a “falta de información e oscurantismo nas administracións á hora de explicar o alcalce e afeccións que van sufrir as diferentes parroquias e denuncian que o propio proxecto recoñece que a pesar de contemplar o máximo de pantallas sonoras posible “o mapa de ruídos vai ser superior ao establecido como aceptable pola Lexislación, sobre todo nos arredores do núcleo poboacional de os Valos”.