Técnicos e operarios traballan dende primeira hora da maña no arranxo da cuberta do centro educativo co obxectivo de que os cen alumnos de primaria do Colexio poidan regresar ás aulas o vindeiro luns. A dirección do centro felicítase de que todo quedase “nun gran susto sen consecuencias para o alumnado”
A primeira hora de hoxe comezaban xa os traballos de reparación no colexio de primaria de Quintela para tentar arranxar o antes posible os efectos que o temporal deixaba onte na cuberta do edificio. O obxectivo é que as aulas recuperen a normalizade o vindeiro luns. Dende a dirección do centro lamentan os danos pero felicítanse porque todo quedara nun susto, xa que segundo relataba a directora Susana Liste, cando se produciu o desprendemento do tellado, aproximadamente ás 14:15 horas de onte, os rapaces estaban a piques de saír de clase. De feito, foron os propios pais dos cativos que a esas horas se atopaban no exterior do edificio esperando aos seus fillos os que alertaron nun primeiro momento de que caeran varias uralitas da cuberta. Para tentar reparar o edifico técnicos e operarios están a traballar na substitución da parte da cuberta que onte saía despedida por mor do vento. En total víronse afectados vinte metros cadrados do tellado o que provocou o anegamento de varias das aulas do segundo andar do edificio o que facía inviable que hoxe o centro educativo abrise as súas portas. A pesar do mal tempo as tarefas de reparación continúan polo que a dirección confía en que se cumpran os prazos e que o luns os rapaces volvan a clase.