O casco urbano congregou onte a milleiros de persoas nunca xornada marcada polo bo tempo, a festa e a queima do meco. O sábado Chapela acollerá a tradicional queima do berete na praia de Arealonga, unha comitiva que partirá ás 19:00 horas dende o Alto da Encarnación
Milleiros de persoas ateigaron onte o centro da vila para gozar da última xornada do Entroido co tradicional de disfraces individuais, parellas e grupos, que encheron de cor e diversión as rúas Alfonso XII e Ribeira durante toda a tarde. Non faltaron disfraces orixinais que botaban man da actualidade como varias fontes piramidais que facían referencia ao monolito que se pretendía instalar na praza de Ribadavia en substitución do farol. Tamén desfilaron varios sinais de tráfico de 110 quilómetros por hora e o bo tempo fixo que algúns botaran man de disfraces máis propios do entroido do verán. En canto aos premios que concede a Concellería de Cultura os gañadores no apartado de grupos foron “Barkingos” seguidos de “O cafetal do Muro”. En parellas, o primeiro premio conseguiuno “Sopa de galo”, seguido de “Radar 110 quilómetros por hora”; mentres que en individual, o vencedor foi “A peixeira co peixe na testa”, e en segundo posto, “Meniña moscón”. Os actos concluíron cun espectáculo pirotécnico a cargo do grupo Troula, encargados un ano máis de prender lume ao Meco. A festa continuou cunha verbena na Praza de Ribadavia amenizada pola orquestra Hiroshima e, para os máis novos, con festa na Praza de Figueroa e na rúa Meixón Frío. Enterro do bereteOs actos do Entroido concluirán o vindeiro sábado co Enterro do Berete de Chapela, co tradicional desfile desde o Alto de Encarnación ata a praia de Arealonga. Partirá ás 19:00 horas e cortarase un carril da Avenida de Vigo para permitir o paso da comitiva que se dirixirá cara as Catro Pontes para logo retroceder e rematar na praia, onde se procederá á incineración do berete.