Entenden que o desenvolvemento local pasa necesariamente por acometer actuacións nese sentido e piden aos candidatos un “pacto” no que se inclúan medidas orientadas a defender e apoiar ás pequenas e medianas empresas “que en Redondela empregan a 8.000 traballadores”.
A Asociación de Empresarios de Redondela reuniu onte aos candidatos á alcaldía polos catro partidos que actualmente contan con representación municipal. PP, PSOE, BNG e PG nunha mesa redonda na que estivo presente o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), José Manuel Fernández Alvariño. O obxectivo da xuntanza era analizar conxuntamente as necesidades dunha vila que en palabras de Alvariño “está desaparecida pero non morta, porque conta con moitas potencialidades”. E precisamente para dar resposta as necesidades existentes reclamaba dos partidos un compromiso de cara a elaborar o Plan Xeral, crear solo industrial e promover un plan de turismo. Falaba tamén da “tremenda inxustiza” de que se manteña a peaxe na AP-9 para os redondeláns. No mesmo sentido se manifestaba o presidente dos empresarios José Antonio Gómez quen destacaba a necesidade de contar co compromiso dos políticos para camiñar xuntos nestes proxectos de primeira necesidade Gómez puña o acento nos problemas aos que se enfrontan as Pemes, o gran motor da economía local xa que son ao redor dun milleiro e dan emprego a 8.000 traballadores, polo que considera imprescindible promover o mantemento dos autónomos en momentos económicos tan difíciles como estes Alvariño eloxiaba o compromiso dos políticos así como os seus esforzos nunha vila con potencialidades pero tamén con problemas como o feito de estar “dividida en dous núcleos un dos cales mira cara Vigo”. Infraestruturas Respecto de obras pendentes como a construción da A-59, José Antonio Gómez defendía a obra pola “necesidade de novas infraestruturas para facilitar a comunicación e compensar a saturación que sofren as existentes” Finalmente o responsable da CEP insistía en que a necesidade do polígono é urxente “porque a día de hoxe non hai ningún espazo onde asentar ás empresas. Nese sentido anunciou que se reunirá co Conselleiro de Industria ou con Xestur para darlle un empurrón ao proxecto.