Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Expertos analizan en San Simón a xeopolítica europea

RR_Noticias

A Illa redondelá acolle entre o 26 e o 29 de abril a xuntanza ‘Por unha Xeopolítica Europea” na que diferentes expertos reflexionarán sobre o futuro xeopolítico do vello continente.  O obxectivo é redactar documentos de análise crítica e propostas en torno a temas de actualidade como o futuro da enerxía nuclear, a soberanía europea ou o futuro da xeopolítica.
 

A Illa de San Simón acolle a partir de mañá e ata o venres a xuntanza Por unha Xeopolítica Europea, iniciativa que contará coa participación de expertos procedentes de España e Francia que, por invitación da Fundación Illa de San Simón, reflexionarán no arquipélago sobre o futuro xeopolítico de Europa.
Este grupo, formado por unha vintena de expertos, constitúe o xermolo dunha rede europea de reflexión xeopolítica que terá como sede a Illa de San Simón. Esta vía de colaboración permitirá á Fundación Illa de San Simón continuar no seu traballo pola internacionalización do proxecto “Illa do Pensamento”, co que se pretende configurar este enclave na ría de Vigo como un lugar de encontro e intersección de culturas, ideas e pensamento.
A rede europea de reflexión xeopolítica traballará nun horizonte temporal de 10 anos e terá como cometido redactar documentos de análise crítica e propostas. Estes traballos serán difundidos por Internet a través das institucións implicadas e faranse chegar así mesmo a unha ampla lista de dirixentes políticos e parlamentarios, tanto nacionais como europeos. Tamén serán difundidos aos medios de comunicación e ás diferentes organizacións políticas e sindicais.
O encontro concluirá cunha declaración final, con recomendacións e propostas, que se farán chegar ás máis altas instancias españolas, francesas e europeas. Entre os temas que abordarán os expertos destacan a soberanía europea e perspectivas xeopolíticas, os riscos da xeoeconomía europea, as tecnoloxías de soberanía como a seguridade, defensa e espazo, a cultura e valores europeos como o softpower e as dependencias culturais, o papel da intelixencia na construción europea do século XXI ou a cuestión nuclear despois da experiencia xaponesa que tamén figura na axenda de debates. O segundo encontro de expertos desta rede, que se reunirá na “Illa do Pensamento” na primavera de 2013, basearase nas reflexións e experiencias deste traballo de reflexión e divulgación e acollerá no seu seo a especialistas doutros países europeos, ademais de Francia e España.
As sesións de creación da rede europea de reflexión xeopolítica en San Simón contará coa participación do director da Fundación Illa de San Simón, Francisco Javier Alonso; o presidente da Asociación Automates Intelligents, Jean Paul Baquiast; o vicepresidente delegado da Unión Paneuropa Francia, Jean-Claude Empereur; o presidente do Instituto Choiseul España, Eduardo Olier; o director do Instituto Choiseul España, Alberto Martín da Torre; o reitor da Sociedade de Estudos Internacionais (SEI), Fernando Davara Rodríguez; o consultor internacional e profesor da SEI, Manuel Sanchez Gómez-Merelo; o director do IGADI, Xulio Ríos; o analista internacional e membro do Consello Reitor do IGADI, Ramón Lugrís; o analista do IGADI, Roberto Mansilla; o director da Cátedra de Servizos de Intelixencia e Sistemas Democráticos, Fernando Velasco; o director do Instituto Juan Velázquez de Velasco de Investigación en Intelixencia para a Seguridade e a Defensa da Universidade Carlos III de Madrid, Diego Navarro; o investigador e secretario da Cátedra Servizos de Intelixencia e Sistemas Democráticos, Rubén Arcos; o editor do Blog Dereitos Humanos de Tendencias21 e relator das xornadas, Juan Ramón Branco e os editores de Tendencias 21, Eduardo Martínez e Alicia Montesdeoca.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará