Na mañá de hoxe celebrábase no concello de Redondela a última sesión plenaria ordinaria antes das eleccións de maio. Un pleno que se prolongou por menos de cinco minutos xa que todos os asuntos incorporados dentro da orde do día, asuntos de trámite, foron aprobados por unanimidade e sen debate por parte dos concelleiros.
Con todo, e a pesar do apresurado da sesión, si houbo tempo para un pequeno rifi rafe entre a concelleira do PP, Paqui Canal e o voceiro do BNG, Carlos Pazos. A primeira criticaba o cambio de hora da sesión, xa que o horario establecido contempla que este sexa celebrado pola tarde. Criticaba que se dera prioridade a un partido de fútbol, en referencia á cita que hoxe teñen Barça e Real Madrid, en detrimento da convocatoria política. O edil do Bloque lembraba que o cambio horario fora adoptado por unanimidade de todos os voceiros dos partidos políticos “incluído o do PP” e acusaba a Canal de cuestionar a decisión dos seu propio compañeiro. Aconsellaba aos populares que resolveran “os seus problemas de liderado”.