O goberno local desbota facer fixos aos ex traballadores a pesar de que a sentencia xudicial recoñece o carácter indefinido dos seus postos de traballo. O concelleiro de persoal, Emilio González Iglesias anuncia que se indemnizará aos operarios do servizo ante a imposibilidade de contratalos “por cuestións económicas e legais”.
O Grumir de Redondela desaparecerá definitivamente co pagamento das compensacións aos axentes que denunciaran a súa situación irregular. Así o confirmou o concelleiro de asuntos económicos e responsable de persoal, Emilio González Iglesias quen asegura que non é posible crear un servizo estable de emerxencias no concello atendendo tanto a cuestión legais coma económicas, xa que as arcas municipais terían que aportar uns 300.000 euros anuais para manter o servizo con persoal suficiente como para atender as emerxencias as 24 horas do días e os 7 días da semana. O servizo desaparecerá como tal, manténdose tan só aos tres traballadores que actualmente están contratados. Entende o edil que os denunciantes cometeron unha equivocación ao recorrer aos xulgados xa que “cunha sentencia en firme en ningún caso se vai poder contratar persoal novamente tal e como se viña facendo ata o de agora”. En canto á obriga dos concellos de máis de 20.000 habitantes de contar cun servizo de emerxencias, asegura González Iglesias que en Redondela a situación quedaría cuberta asinando un convenio con Bombeiros de Vigo ou ben integrándose nalgún dos parques da Xunta. Unha alternativa que podería contemplarse na futura Area Metropolitana de Vigo.