Este sábado e dentro das actividades programadas co gallo do V Festival Alternativo Millo Verde, terá lugar a celebración dunha Feira Verde, con postos de venda de productos ecolóxicos, sementes e libros.
A feira levarase a cabo na Alameda de Redondela entre as 11 e as 14 horas e está confirmada a presenza de 7 postos, aínda que a cifra podería incrementarse segundo nos explicaban dende a organización. Escoitamos a Jacobe Ojea da Horta do Cadaval, un dos produtores que estará presente na feira. O obxectivo da feira é dar a coñecer as iniciativas que se están a desenvolver no sur da provincia de Pontevedra en torno á agricultura ecolóxica así como fomentar o consumo de alimentos producidos dun xeito respectuoso co medio ambiente e sen a utilización de produtos químicos. Por este motivo, os alimentos que se vai atopar o consumidor serán frescos e de tempada como leituga, acelgas, espinacas ou froitas como ameixa e cereixas. Unha alimentación saudable que cada vez é máis demandada polo consumidor quen comeza tamén a amosar unha maior preocupación polo xeito en que se producen eses alimentos. Entre os postos que se instalarán na Alameda haberá ademais unha mesa informativa da Rede Galega de Sementes, para promocionar e facilitar o acceso a sementes de variedades locais de especies hortícolas.