Javier Bas entende que o “o diálogo, a transparencia e a proximidade cos veciños” serán fundamentais para dar a Redondela un goberno estable en minoría. Na mañá de hoxe os novos concelleiros traballaban xa no reparto das áreas de goberno.
O novo alcalde de Redondela anunciou xa cales van ser os primeiros compromisos do goberno popular. Asegura que durante a xornada de hoxe organizará o goberno co reparto de áreas e responsabilidades entre os nove concelleiros que o acompañan no consistorio e que a continuación se marca dúas prioridades inmediatas: sacar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal e modificar o trazado da autovía A-59. Lembramos que nese sentido dende o PP sempre se defendeu a construción da A-57 entre Pontevedra e O Confurco coa chamada alternativa 11, unha conexión entre Pazos, Os Valos e Peinador, fronte a A-59 (Pontevedra- Vigo) por considerar que esta última é a que máis dano causaría nas parroquias de Redondela. Bas non dubidou en cualificar o cambio de goberno como “un feito histórico” e asegurou que os tres piares básicos que empregará para sacar adiante un goberno en minoría serán a “transparencia, o diálogo e a proximidade cos veciños”.