O lume é sen ninguna dúbida un elemento fundamental da festa dos fachos. A fogueira no cume do monte ou os fachos accesos portados polos romeiros no seu ascenso a Peneda, son signos identificativos dunha celebración que tiña previsto celebrar mañá a súa décimo quinta edición. Sen embargo e considerando as condicións meteorolóxicas os organizadores víronse abocados a suspender a celebración.
O colectivo Alén Nos e o resto de asociacións que participan na organización da festa dos Fachos decidiu suspender a celebración deste ano considerando as “actuais condicións meteorolóxicas e as prediccións a curto prazo, con vento do nordés e temperaturas elevadas, o que fai que o indice de risco de incendio (IRDI) sexa alto ou extremo no termo municipal de Redondela”. Así, e seguindo o decreto da Dirección Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural, que mesmo prohibiu o uso de foguetes en toda a comunidade, non se celebrará a XV edición da festa prevista para mañá sábado.Con todo, dende a organización queren lembrar que o seu obxectivo este ano era manter o carácter reivindicativo do acto lembrando “a forte tensión social que estamos a vivir a nivel mundial” e as reaccións e mobilizacións que dende o pasado 15 de maio están a protagonizar os “indignados”. Un movemento que segundo recollen no manifesto que tiñan previsto ler na Peneda ven demostar que os cidadáns son “capaces de debatir e facer propostas concretas tendendes a conseguir unha sociedade máis xusta”.