Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O desemprego non da respiro á comarca redondelá

RR_Noticias

O peche de varias empresas nas últimas semanas como Johnson Controls ou Elgasa, a reducción de traballadores en firmas como Umbro e a pouca relevancia do sector servizos, explicarían o diferente comportamento do emprego na nosa contorna onde tamén no mes de xuño as listas do INEM víronse engordadas con novos desempregados cando no resto de Galicia cae o número de parados.

O traballo estacional parece non ter repercusión nin en Redondela nin na comarca. Iso é aló menos o que se desprende dos datos feitos públicos onte polo Ministerio de Traballo nos que se constata o diferente comportamento da evolución do emprego na área viguesa. Así, namentres en Vigo a diminución no número de parados foi notable, descendendo en 937 persoas, na comarca redondelá foron 34 as persoas que se viron abocadas a anotarse nas listas do INEM logo de quedar sen traballo. O concello máis castigado nos últimos trinta días polo desemprego foi o de Soutomaior, curiosamente un concello onde o sector servizos -cunha porcentaxe elevada da súa poboación dedicada á hostalaría- ten unha importancia salientable. En total o número de desempregados suma xa 830 persoas, 18 máis que en maio. Tamén en Pazos de Borbén se constata esa tendencia á alza con 14 novos parados o que sitúa o cómputo total en 423. En Redondela o incremento foi menor con tres desempregados máis, pero a tendencia é á alza. Así o mes de xuño pechouse con 2.656 persoas en situación de desemprego. Algo que ao entender do secretario de Organización da CIG na comarca de Vigo, Anxo Iglesias responde á menor incidencia que no noso concello ten o sector servizos na creación de emprego, así como o feito de que nas últimas semanas se producira o peche de varias empresas. Sería o caso da antiga Unitexga, Johnson Controls, que supuxo o despedimento de 250 traballadores, o peche tamén da empresa Elgasa ou a reducción de persoal en Umbro. O único concello na comarca que non segue esta tendencia é Fornelos onde podemos falar dunha situación de estabilidade con 250 parados, un menos que 30 días atrás.  

Anxo Iglesias sindicato CIG
Analiza os datos do desemprego en Redondela e comarca

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará