Esta iniciativa, enmarcada dentro do proxecto “Embárcate con Vigo” arranca esta fin de semana con saídas dende o peirao de Cesantes ás 12:45 e ás 16:00 horas. O obxectivo é aproveitar o interese turístico de San Simón para que veciños e visitantes coñezan o a Illa e a súa historia.
O ano pasado foron 10.000 persoas as que gozaron das viaxes en catamarán pola enseada de San Simón. Un paseo marítimo-cultural que permite aos pasaxeiros gozar dunha tranquila travesía pola ría ao tempo que se lles vai relatando a historia da batalla de Rande. A axencia de Viaxes Loa, promotora da iniciativa, decidiu este ano dar un paso máis e organizar visitas guiadas á Illa de San Simón dende o peirao de Cesantes. Así, non só os que collan o catamarán de Vigo senón tamén todos os que se suban ao barco no peirao de Cesantes poderán participar dunha parada de hora e media na Illa onde un guía lles irá contando a historia deste emblemático lugar. A idea pretende ser unha alternativa de ocio para os milleiros de turistas que atracan en Vigo que teñen así, ademais da tradicional visita a Santiago de Compostela, a posibilidade de coñecer a ría nunha viaxe de tres horas cuxo custe é de 15 euros para adultos mentres que os menores de 12 anos pagarán dez euros do mesmo xeito que os maiores de 65. No caso de saíren dende Redondela o prezo será menor: 12 euros o prezo do billete normal que se reduce para os maiores de 65 anos e os menores de 12.