O pleno municipal acordou no mediodía de hoxe aprobar unha redución dun 7’8% en tódolos investimentos previstos dentro do plan Marisma + para así poder financialos cos fondos achegados a través do Plan Feder. O acordo foi unánime e persegue que ningunha das actuacións proxectadas quede sen financiamento.
O anterior goberno local presentara un proxecto cun investimento total de 4’8 millóns de euros, cantidade que se correspondía cunha achega de 3’4 millóns procedentes de Europa e 1’4 millóns procedentes das arcas municipais. Sen embargo, a achega aprobada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Local supón un 93% do total solicitado, polo que é agora necesario facer este axuste. Todos os grupos políticos estiveron de acordo neste punto e así o fixeron patente nunha sesión extraordinaria que se celebraba ás 14:15 horas no Concello. Dende a Agrupación de Electores, Jorge Varela “Chopi” argumentaba o seu apoio para evitar que esta axuda se lle escape a Redondela. Tamén dende o BNG manifestaban o seu apoiou a unha rebaixa nos orzamentos xa que este axuste permite reducir os investimentos sen necesidade de renunciar a ningún dos proxecto previstos entre os que se inclúen a construción do centro de interpretación da batalla de Rande “Meirande”, un novo pavillón de deportes, a mellora do litoral de Cesantes e un novo tramo do paseo marítimo de Chapela. Con todo, si houbo críticas procedentes do PSOE, quen demandaba do PP unha “maior xenerosidade” á hora de recoñecer o bo traballo que no seu día fixo o bipartito e que permite agora recibir esta axuda de 3’1 millóns de euros.