Os organizadores non contaron cos colectivos redondeláns para a organización do acto celebrado onte na illa. Esquecéronse ademais de varios veciños que esperaban o barco en Cesantes. Un programa que se organizou de costas ao Colectivo Republicano de Redondela, motivo polo que os seus integrantes decidiron non asistir a unha homenaxe que congregou a unhas 300 persoas.
A xornada estivo organizada pola Asociación pola Memoria Histórica de Vigo e trasladou a unhas 300 persoas dende o peirao de Santo Adrián de Cobres en Vilaboa ata a Illa. Non houbo traslado dende o Peirao de Cesantes onde ao redor de dez veciños estiveron esperando un barco que nunca chegou.
As familias dos presos que estiveron confinados na illa entre os anos 1936 e 1943 tiveron prioridade para asistir á homenaxe que concluíu cunha ofrenda floral. A música correu a cargo dos gaiteiros de Zurrumalla quen interpretaron o republicano Himno de Riego e o Himno a Galicia. Tamén houbo poesía a cargo de Xosé Lois Santos Cabana, Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco.
Aínda que coa ausencia destacada do Colectivo Republicano de Redondela, si estiveron presentes no acto parentes das vítimas, artistas, escritores, vellos sindicalistas, políticos da transición e o exilio e asociacións como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a Marcha Mundial dás Mulleres. Houbo tamén referencias ás mulleres de Cesantes, moitas delas mortas no conflito ou nais adoptivas dos cativos dos encarcerados.