Unha campaña conxunta co Concello de Redondela fai un chamamento para que os doantes se acheguen á unidade móbil que estará instalada o xoves e venres ao carón da Casa Consistorial. Lembran que as reservas nos hospitais galegos están baixo mínimos polo incremento dos accidentes de tráfico.
Increméntanse os sinistros nas estradas e diminúen o número de doazóns, eses son os dous factores que se repiten anualmente cando chegan os meses de verán e que conducen a que os hospitais queden sen reservas. Redondela mantense na porcentaxe de doazóns que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) que estable que o número de doadores debe situarse entre 40 e 60 doazón por cada mil habitantes. No noso concello a taxa é de 42 doantes por cada mil habitantes, unha porcentaxe aceptable pero que baixou nos últimos tempos o que fai que sexa necesario incrementar os esforzos para que a poboación se conciencie de que o sangue é necesario todos os días do ano. De feito, estímase que para atender as necesidades asistenciais son necesarias unhas 500 bolsas diarias. O centro de transfusión e o concello fan un chamamento aos veciños para que acudan este xoves 21 e venres 22 a facer as súas doazóns na unidade móbil que permanecerá en horario de mañá e tarde ao carón do Concello. O horario é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 h.