Os indignados de Redondela organizan unha proxección de curtametraxes sobre a situación da crise socioeconómica este mércores ás 22:00 horas diante da casa consistorial. Mañá, dentro da programación das Noites Máxicas proxectarase a “sección friki” do Redondela en Curto. Será na Casa da Torre ás 23 horas.
A Asemblea de indignados de Redondela organiza esta noite a proxección de catro curtametraxes onde a temática principal é a situación económica. A proxección empezará coa curtametraxe de deseño animado “Españistán” de Aleix Saló. Seguiráse co visionado de “A historia das cousas” de Annie Leonard, un documental no que se fai unha chamada á conciencia das persoas para que coñezan as consecuencias sociais e ambientais que supoñen os nosos hábitos de consumo diarios e cotiáns.
A terceira proposta da noite pasa por “O gran casino de Europa 256” para finalizar coa curta de ficción de Javier Fesser “Binta e a gran idea”.
Esta actividade está encadrada nas diferentes accións que a Asemblea de Indignados leva realizando desde que se constituiu, como forma de achegar á sociedade redondelá propostas de reflexión sobre a situación económica e social actual e analizar distintas formas de actuación e de cambio ante ela.
Sección friki
Mañá xoves a cita co cine en pequeno formato será na Casa da Torre, lugar no que se proxectarán as curtas que integraban a sección friki do festival Redondela en curto. Unha actividade enmarcada dentro da programación das Noites Máxicas dos Viadutos.