A Casa da cultura acolle hoxe unha charla sobre a apostasía a cargo do filósofo e profesor universitario José Luis Iglesias. Mañá xoves, nos soportais do Concello celebrarase un acto para que todos os que o desexen participen dun acto voluntario de apostasía convocado polo Colectivo Republicano, a FPG e Esquerda Unida.
O colectivo Republicano de Redondela xunto coas agrupación políticas FPG e Esquerda Unida convoca esta actividade como xeito de amosar o seu oposicionamento ao financiamento público e aos actos que estes días se están a celebrar en Madrid co gallo da visita do Papa. Como “contraacto” propoñen aos veciños asistir esta tarde ás 20:30 horas a unha charla en torno á apostasía que correrá a cargo do filósofo e profesor da Universidade de Asturias, José Luis Iglesias. Falarase nesta conferencia do dereito de toda persoa a solicitar que se elimine todo rexistro da súa confesión relixiosa esixindo que se borren os seus nomes dos rexistros eclesiásticos e se lles deixe de considerar como católicos. Os actos convocados continuarán mañá pola tarde cun acto voluntario de apostasía que terá lugar nos soportais do concello e que contará con presenza notarial para dar fe da decisión dos participantes.