A asociación de veciños de Chapela e o colectivo Salva O tren convocan unha acampada para protestar contra a eliminación da estación do ferrocarril en Chapela prevista para o vindeiro 28 de agosto co gallo da posta en marcha da nova estación de Guixar e a clausura da de Urzaiz en Vigo.
A protesta consistirá nunha acampada na estación de Chapela na noite do 26 ao 27 de agosto a partir das 20:30 horas. As protestas continuarán tamén na xornada do sábado, data na que hai convocada unha concentración na estación de Guixar para protestar ante o Ministro de Fomento, José Blanco quen visitará a cidade para inaugurar a nova estación de Guixar.
Con esta acción, ademais de protestar polo inminente peche da estación de Chapela, dende Salva o tren denuncian que a chegada do tren de alta velocidade a Vigo vai provocar o desmantelamento de todas as estación tradicionais que viñan dando servizo a nosa área. Estacións como as de Arcade, Cesantes, o apeadeiro de Redondela e a propia estación da vila, que tal e como está previsto polo Eixo atlántico perderán o servizo de trens rexionais no 2012.
Salva o tren critican o que cualifican de “malgasto de 181 millóns de euros” na estación de Urzáiz que tan só albergará as vías do tren de alta velocidade cando debería ser unha estación moderna e intermodal, isto é, que acollese todos os medios de transporte nas súas instalación dende o tren de proximidade, autobús urbanos e interurbano, metro lixeiro e bicicletas.