Rapaces de entre 12 e 17 anos teñen a oportunidade de participar nunha “Fin de semana estelar” que inclúe actividades, xogos e obradoiros no Monte Galleiro. Unha velada nocturna de astronomía, xogos de orientación e unha xornada de hípica son algúns dos contidos desta proposta que organizan os Concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén. Será os días 17 e 18 de setembro e aínda quedan prazas dispoñibles.
Os Concellos de Soutomaior e Pazos de Borbén levarán a cabo os días 17 e 18 de setembro unha “Fin de semana estelar”, dúas xornadas lúdicas e educativas que teñen como finalidade fomentar espazos de convivencia e interacción entre mozas de localidades próximas entre 12 e 17 anos. Durante a fin de semana participarán en actividades como orientación deportiva no medio natural, animacións, velada nocturna de astronomía (inclúe actividade práctica de observación de estrelas no Monte Galleiro) e o domingo pola mañá paseo a cabalo polos montes de Ponte Caldelas. Todas as actividades estarán guiadas por monitores especializados e o prezo da actividade é de tan só 12 euros. Sonia Pintos, da OMIX de Soutomaior apunta que aínda quedan prazas dispoñibles, e os organizadores agardan que sexa “unha experiencia única” para os participantes. Os rapaces pasarán a noite do sábado nunha casa de turismo rural situado no Monte Galleiro onde se coñecerán e pasarán dous días de convivencia facendo actividades lúdicas e formativas.