A posibilidade de que se faga un transvase di río Verdugo ó Oitavén ten moi preocupado ó sector pesqueiro e marisqueiro da Enseada de San Simón. A Confraría de Redondela e a Asociación de Naseiros de Arcade esixen que, antes de poñer en marcha este proxecto, se elabore un estudo “serio” sobre o impacto ambiental que ese transvase suporía para a ría de Vigo e para a flora e fauna do río.
A solución escollida para resolver a escaseza de auga no Concello de Vigo trae de cabeza ó sector pesqueiro e marisqueiro do litoral de Redondela e Soutomaior. A cidade olívica xestiona coa Xunta de Galicia a posibilidade de facer un transvase de auga do río Verdugo ó Oitavén, o que permitiría un maior volume de auga na rede de subministración. Esta solución “non é a máis axeitada”, segundo denuncian os colectivos de mariscadores e pescadores, xa que suporía “un grave prexuízo” para os recursos marisqueiros e pesqueiros da Enseada de San Simón, e para a fauna e flora do río. Antonio Álvarez, presidente da Asociación de Naseiros de Arcade, entende que antes de poñer en marcha un proxecto destas características, a Xunta debería elaborar un informe sobre o impacto ambiental que este transvase suporía para a ría. Álvarez explica que ó reducirse a achega de auga doce á enseada, “o ritmo de crecemento do marisco reducirase”. Por iso entende que desde a Consellería do Mar debería implicarse, xa que ata o de agora “os postos de traballo no mar mantéñense” pese á crise, pero actuacións como o transvase poderían pasar factura ó sector. Vertidos Os colectivos de mariscadores e pescadores da ría denuncian tamén os reiterados vertidos que sofre o litoral, e lamentan que desde as administracións “non se resolva definitivamente”. Álvarez denuncia que se trata de xeito desigual ós infractores, xa que cando é unha embarcación a que contamina o patrón é sancionado, mentres que ás empresas e depuradoras que verten “non lle pasa nada”. O próximo sábado a Confraría de Redondela convoca unha protesta baixo o lema “Non máis vertidos á Enseada de San Simón”. O colectivo denuncia que ano tras anos continúa a contaminación industrial nesta zona da ría “tan sensible”, e esixen das autoridades competentes que se tomen medidas “dunha vez por todas”. Por iso convocan á cidadanía a unha concentración que se celebrará o día 17 de setembro ás 11.00 horas no Peirao de Cesantes.