Evitar apuros deportivos e económicos, ese é o obxectivo do Choco para a presente temporada. Para superar os problemas da anterior campaña apostan polo traballo diario e unha rebaixa nas nóminas dos xogadores, que en boa parte son redondeláns.
Con xente da casa e con esforzo por parte de todos. Deste xeito agardan no C.D. Choco afrontar esta temporada sen pasar apuros, nin a novel económico nin deportivo. Para iso a directiva decidiu rebaixar un 20% as nóminas dos xogadores, que en boa parte son de Redondela, ó igual que o novo adestrador, Jacobo Montes. O obxectivo para o técnico está claro “rematar a liga o mellor posible co obxectivo claro da permanencia”. Montes explica que “non renuncian a nada” pero teñen claro que o primordial é chegar ó final de temporada “tranquilos”. Nas tres xornadas que levamos de liga o Choco situouse na metade da táboa da Preferente Autonómica. Suman catro puntos cunha vitoria, unha derrota e un empate. Ata o de agora o equipo estase “axustando”, xa que son moitos os xogadores novos que se incorporaron, e tamén é preciso “mellorar a forma física” de moitos deles. En canto á próxima cita ligueira, en Santa Mariña agardan ó Gran Peña. Montes non se fía da situación que o rival ten na táboa. A pesares de estar nos postos de cola, o adestrador lembra que a este conxunto “dáselles ben o campo do Choco”. Os resultados do Gran Peña en Redondela adoitan ser positivos, polo que Jacobo Montes agarda “un partido difícil”.