Os veciños de Chapela contarán cunha nova estación de tren. O Ministerio de Fomento licitou o proxecto logo de que o actual apeadeiro da parroquia quedara en desuso hai un mes. As obras do AVE desviaron o tráfico ferroviario á nova estación de Guixar, en Vigo, e os trens deixaron de utilizar o ramal de Urzáiz a Redondela. Desde o primeiro momento os veciños e colectivos como a plataforma “Salva o tren”, reclamaron un novo apeadeiro para Chapela, que agora se fai oficial.
O Ministerio de Fomento anunciou que a nova estación se situará na liña Redondela-Chapela, e estará próxima á que xa existe na actualidade. A licitación do proxecto ascende a 150.000 euros e incluirá unha análise de alternativas á localización da terminal, estudos xeolóxicos, movementos de terras e estruturas.
Desde a plataforma “Salva o tren” entenden que este é un primeiro paso a favor dos colectivos que demandan un servizo de trens de proximidade. Agardan tamén que se liciten proxectos semellantes noutros municipios para favorecer o uso do transporte público en toda a Área Metropolitana.
Os veciños de Chapela agardan que esta nova estación supoña un servizo de trens constante, e lamentan a perda paulatina dos servizos ferroviarios tanto no apeadeiro da parroquia como na propia estación de Redondela. Na actualidade moitos usuarios da zona fan o traxecto ata a nova estación de Guixar e logo teñen que facer o perorrido de volta cara Chapela en taxi ou en vehículo particular. A Asociación de Veciños agarda tamén que co proxecto da nova estación se resolvan os problemas dos accesos na contorna da vía, tanto para os peóns como para os vehículos.