O club ten en marcha unha campaña de captación con novidades como o carné de socio infantil, a un prezo de 5 euros. Logo da boa estrea feita en Redondela na presente liga, cunha goleada sobre o Rest. Pandiña, agardan duplicar o número de socios da pasada temporada, cando sumaban 120 abonados. En canto á competición oficial, o próximo partido será o sábado en Poio.
Comezou a temporada na Autonómica Sur para o F.S. Redondela e fíxoo con bos resultados. Unha derrota na estrea na pista do Lavadores, candidato ó título, e unha vitoria por goleada na casa diante do Restaurante Pandiña (8-3). O resultado déixaos na parte alta da táboa, son 7º, e agardan repetir resultados positivos, xa que o equipo estase consolidando. O presidente, Juan Manuel Nogueira, salienta o bo comezo ligueiro do conxunto, e agarda que a temporada transcorra “sen sobresaltos”, co obxectivo de facer un equipo sólido e manter a categoría. Salienta que este ano os xogadores son todos “da casa”, formados nas bases do F.S. Redondela, cun único reforzo dun xogador novo procedente do Coruxo. En canto ó adestrador, Manoliño, faise cargo da parte técnica ó tempo que tamén é xogador, o que “complica” ás veces o traballo do equipo. Por iso Nogueira lamenta non ter atopado un técnico, por mor dos escasos recursos económicos do club. Para tentar dar un pulo ó club, a directiva puxo en marcha unha campaña de captación de socios con novidades. Establécese un carné infantil, a un prezo de 5 euros, outro para estudantes ata os 23 anos, cun prezo de 10 euros, e para o público en xeral o abono de temporada custa 20 euros. O club repartirá agasallos entre todos os socios, e agarda duplicar o número do ano pasado, cando contaban con 120, e chegar ós 250 abonados. Poio-Redondela A próxima cita para o equipo redondelán será no pavillón municipal de Poio, o encontro será o sábado ás 16:30 horas. Os anfitrións aínda non gañaron ningún partido pero Nogueira insisten en que “aínda é cedo” para facer valoracións, polo que non se fían do rival.