O Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde acolle dende hoxe e ata o 23 de outubro a exposición “Castelao e nós, 125 aniversario”. Trátase dun proxecto divulgativo da obra gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ideada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega no 125 aniversario do nacemento deste artista, escritor e político galego. O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela promove esta exposición itinerante para achegar a figura e obra deste persoeiro da nosa cultura á toda a sociedade redondelá.
O Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde acolle a exposición “Castelao e nós, 125 aniversario”. Este proxecto divulgativo da obra gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi ideada pola AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), e patrocinada pola Fundación Castelao e diferentes concellos, entre eles o de Redondela. Este ano 2011 celébrase o 125 aniversario do nacemento deste artista, escritor e político galego, nado en Rianxo, o 30 de xaneiro de 1886.
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela promove esta exposición itinerante para achegar a figura e obra deste persoeiro da nosa cultura á toda a sociedade redondelá. A mostra pon de manifesto a vixencia do pensamento e da obra deste artista rianxeiro, e achega á poboación unha selección de debuxos e textos significativos que mostran a súa grandeza como creador plástico, pensador e político. A exposición inclúe debuxos dos álbums Nós (1931), Cousas da vida (1924-1925), Galicia mártir e Atila en Galicia (1937), e textos tirados do seu libro de ensaio político Sempre en Galiza (1944), nos que reflexiona sobre a economía e a sociedade, a emigración, a lingua, as institucións, a guerra do 36 ou o nacionalismo.
A exposición estivo anteriormente no Piñeiral do Crego de Chapela, no Centro Cultural de Vilar de Infesta e no Multiusos da Xunqueira de Redondela, e agora achégase a Saxamonde onde se poderá visitar ata o 23 de outubro. O Centro Cultural Chan das Pipas anima a todos os veciños e veciñas a visitala no propio centro, a partir das 17.00 horas en días laborables, e dende as 12.00 horas nas fins de semana.