O grupo municipal popular presentará mañá no pleno unha moción para pedirlle ó alcalde de Vigo, Abel Caballero, que paralice a execución dos proxectos de infraestruturas que afectan a Redondela, así como o da aula de interpretación da batalla de Rande, que pon en risco a viabilidade de MEIRANDE, o museo redondelán, que se estará rematado en 2013.
A sesión plenaria que mañá se celebra en Redondela porá de manifesto o conflito de intereses entre este Concello e o de Vigo. O grupo municipal do PP buscará o apoio da corporación para solicitar ó goberno vigués que paralice varios proxectos que afectan a Redondela. É o caso da ampliación da AP-9, que o alcalde vigués Abel Caballero priorizou diante do Ministerio de Fomento, mentres que a anterior corporación da Redondela rexeitou o proxecto de xeito unánime. Esta ampliación conta cun amplo rexeitamento social, xa que suporía un grave prexuízo para a parroquia de Chapela. Tamén pedirán a paralización do proxecto da autovía A-59, que afecta a varias parroquias redondelás, e solicitan de Caballero que agarde ata que se produza unha reunión entre os representantes dos dous Concellos co fin de posibilitar un acordo que concilie os intereses de ambos municipios.
O anuncio de Abel Caballero en canto á súa intención de encargar un proxecto para a creación dun centro de interpretación da batalla de Rande é outra das cuestións a tratar. O PP instará ó pleno a que se dirixa ó alcalde vigués para solicitarlle que paralice ese proxecto, xa que pon en risco a viabilidade económica futura do centro MEIRANDE, o museo redondelán, cuxa execución comenzará nos próximos meses.
Dotacións nas escolas e seguridade viaria
O concelleiro Jorge Varela, da Agrupación de Electores de Redondela, presentará no pleno varias preguntas ó goberno local. Nelas interésase polas xestións feitas polo Concello de cara a dotar ó colexio Santa Mariña dun patio cuberto, unha necesidade reivindicada en moitas ocasións pola dirección e a ANPA do centro. Tamén demandará do Concello a creación en Chapela dunha Oficina Municipal e a presenza da Policía Local. Outra das cuestións será o peche dos locais de ensaio, nas antigas casas dos mestres, en Santa Mariña. A necesidade de mellorar a seguridade viaria na estrada Provincial que atravesa O Viso e na contorna do Colexio de Cesantes é outro dos temas que tratará esta agrupación.
A sesión plenaria celébrase mañá xoves, ás 20.30 horas, no Multiusos da Xunqueira.