A coral O Piñeiral celebra o sábado o seu aniversario cun gran concerto titulado “Arte na rúa”. O coro estará acompañado por malabaristas, mimos, titiriteiros, músicos, bailaríns e outros artistas que conformarán un gran musical. Unha interesante cita coa música e o teatro que contará coa colaboración da actriz Charo Pita. No Multiusos O Piñeiral do Crego ás 20.00 horas.
Os amantes da música e o teatro teñen este sábado unha cita que non poden perder no Multiusos o Piñeiral do Crego en Chapela. A Asociación Coral celebra o seu 13º aniversario por todo o alto, cun gran musical no que participarán uns 70 artistas. Ao medio cento de persoas que compoñen a coral súmanse mimos, instrumentistas, malabaristas, titiriteiros e outros artistas, coa colaboración da actriz Charo Pita. Un espectáculo para todos os públicos que percorrerá diferentes estilos musicais coas apartados “Romaría Galega”, “México Lindo” e “Zarzuela”. Ánxeles Babarro, presidenta da Coral O Piñeiral, salienta que a súa agrupación non é “convencional”, e afástanse das interpretacións tradicionais das corais “de sempre”. Esta coral engade outras facetas artísticas como o teatro e o baile para facer espectáculos máis lúdicos e participativos.