O voto de AER permitiu aprobar unha moción do grupo popular para pedirlle ó Concello de Vigo que medie con Fomento para arquivar os proxectos que afectan a Redondela: ampliación da AP-9, autovía A-59, e a aula de interpretación da batalla de Rande. Tamén se aprobaron as mocións do PSOE e BNG sobre os recortes da Xunta, pedindo máis investimento en ensino público e normalización lingüística, respectivamente. Nestes casos as mocións prosperaron a pesares do voto en contra do goberno en minoría.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi un dos protagonistas no pleno de Redondela, celebrado onte no Multiusos da Xunqueira, e no que se aprobou unha moción pola que o goberno municipal pediralle que paralice o proxecto para a construción dunha aula de interpretación da batalla de Rande en Vigo, pondo en perigo a viabilidade do centro Meirande, que está a desenvolver Redondela, e cuxa execución comezará nos próximos meses. Cos votos do PP e de AER, a corporación decidiu que o centro que planea Vigo non é compatible co que está previsto abrir ó público en Rande a mediados de 2013. O PSOE e o BNG votaron en contra, por non estar de acordo coa segunda parte da moción, na que se falaba doutras infraestruturas. Neste caso pedíase ó alcalde vigués a poñerse en contacto con Fomento para paralizar a execución do proxecto de infraestruturas que afectan a Redondela (AP-9 e A-59). O PP contou co apoio do concelleiro de AER, Jorge Varela, cunha modificación. Esta indica que non será só o alcalde o que contacte con Caballero, senón tamén representantes dos outros partidos. Pola súa banda, a moción do PSOE, que instaba o goberno a pedir á Xunta que paralice os recortes en materia de educación, foi aprobada cos votos a favor do PSOE, BNG e AER, e votos en contra do PP. A mesma situación se produciu cunha moción do BNG na que solicitaba á Xunta que mantivese as axudas para os servizos de normalización lingüística, e que saíu adiante a pesar de que o PP votou en contra da proposta. Protección para a Enseada de San Simón A Agrupación de Electores de Redondela viu aprobada cos votos de BNG e PSOE unha moción para que o Concello solicite a declaración da Enseada de San Simón como Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000. Explicaba Jorge Varela que a zona se caracteriza por ser un espazo natural de alto valor ecolóxico, que resulta fundamental para manter “unha alta integridade da calidade ambiental e para a saúde das persoas”. Os populares propuxeron engadir unha enmenda para incluir unha serie de peticións concretas. O resto de grupos rexeitárono ó entender que se trataba dunha nova moción “pola porta de atrás”, e aprobaron a proposta de AER. Aprazamento da débeda O pleno acordou tamén que o Concello redondelán pedirá ao Ministerio de Facenda que amplíe de cinco a dez anos o prazo para abonar a débeda polas achegas que recibiu do Estado, en función dos seus habitantes e esforzo fiscal. A liquidación do exercicio 2008 saíu negativa polo que o Concello abona mensualmente a Facenda uns 18.000 euros, pero ao engadirse a liquidación tamén negativa de 2009, os pagos pasarán a 36.000 euros. Ante esta situación o PP presentou unha moción que propón a ampliación do prazo. O PSOE apoiou cos seus votos a proposta do PP, despois de que o grupo de goberno aceptase retirar un parágrafo da súa moción na que culpaba desta situación á xestión do Goberno de Zapatero. BNG votou en contra e AER abstívose. Os nacionalistas presentaron outra moción sobre o mesmo asunto, que non prosperou ao votar en contra o PP e absterse o PSOE. Nesta moción o Bloque instaba á Xunta a pedir ó Estado un plan para garantir o gasto corrente aos concellos e acordar unha moratoria no pago das liquidacións negativas.