Estreamos nova sección. Tódolos luns achegarémonos a estudantes das universidades galegas para conversar sobre os seus traballos de fin de grao (TFG) e o que está a acontecer na institución educativa. Neste caso temos con nós a Raquel Álvarez, graduada en Belas Artes pola UVigo para falar do seu traballo final “Encontros e agochos”. Un proxecto que puido participar en 2021 en ‘Future Stories’* que impulsa desde as salas do Museo do Marco a carreira dunha decena de novas tituladas e titulados en Belas Artes.
“Encontros e agochos aborda o concepto de refuxio como lugar de acubillo segredo e seguro. O proxecto desenvólvese a partir da construción dunha cabana tecida que evoca ese espazo de protección. A través dun imaxinario persoal apélase aos sentidos coa elección de cores vibrantes e texturas suaves e cálidas. A reflexión sobre o sentido do habitar e a necesidade dun espazo de abrigo prolóngase máis aló dese pequeno refuxio, cubrindo de textos tecidos unha serie de cadros que amplían o relato e preséntanse en forma de instalación”. – Raquel Álvarez.
*A Universidade de Vigo e a Fundación MOP asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de promover a arte emerxente en Galicia a través de Future Stories.