Hoxe é Martes 1 de Abril de 2025

O Día do Transplante: a Labor de Asotrame e o apoio emocional con Isabel García

Foto de Isabel García

Entrevista completa con Isabel García.

Cada último mércores de marzo celébrase o Día do Transplante, unha data para concienciar sobre a importancia da doazón de órganos e medula ósea e o seu impacto transformador na vida de miles de persoas. En Galicia, a Asociación Galega de Afectados por Transplantes Medulares e Enfermidades Oncohematolóxicas (Asotrame) leva desde 2013 traballando incansablemente para mellorar a calidade de vida de pacientes e familias afectadas por estas enfermidades. Hoxe achegámonos a esta realidade da man de Isa García, psicóloga de atención psicosocial en Asotrame, con base en Santiago de Compostela, e coordinadora do grupo de Apoio entre Iguais, un espazo onde pacientes e expacientes de cancro hematolóxico comparten experiencias e se acompañan no proceso.

O diagnóstico dun cancro hematolóxico é un terremoto que sacode a vida do paciente e da súa contorna. Para eles, supón enfrontarse á propia mortalidade; para as familias, xera preocupación, impotencia e, ás veces, conflitos por non saber como axudar. A sociedade pode contribuír escoitando sen xuízos, normalizando estas vivencias e informándose, ademais de sumándose á doazón, un acto que salva vidas e que resulta esencial para pacientes con enfermidades como a leucemia.

A doazón de medula ósea está rodeada de mitos, como a idea de que doe moito ou que é perigosa. Isa desmonta estas crenzas: o procedemento é seguro, na maioría dos casos semellante a unha doazón de sangue, e o corpo rexenera a medula en poucas semanas. Poden ser doantes persoas sas de entre 18 e 40 anos, que só precisan rexistrarse nun centro como o Sergas e facer unha analítica. O método máis habitual, a aférese, implica molestias mínimas, a punción na pelvis, menos frecuente, realízase baixo anestesia. En ambos os casos, non hai risco para o doante, pero é o paciente o que tarda un pouco en recuperarse a adaptarse ao proceso.  

Asociacións como Asotrame humanizan os tratamentos oncohematolóxicos poñendo o foco na persoa, ofrecendo un acompañamento que complementa un sistema sanitario por veces frío e desbordado.

A súa mensaxe final vai dirixida a quen atravesa un transplante ou tratamento: “Non están sós. Pidan axuda e chamen a Asotrame para calquera consulta. Cada pequeno paso conta.” Neste Día do Transplante, Asotrame e voces como a de Isa lembran que detrás de cada doazón hai unha vida e que o apoio emocional é tan vital como o propio tratamento.

Contacto de Asotrame da sede en Santiago de Compostela: 604 021 248 ou 699 856 17.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Radio Redondela Online
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: