A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que os datos publicados polo IGE indican “un estado de emerxencia lingüística extrema”, co descenso tanto do uso como do coñecemento da nosa lingua que, segundo o seu presidente “son a consecuencia lóxica da exclusión do galego da maior parte dos ámbitos da vida social”. Converamos con Marcos Maceira, presidente da Mesa, para facer un balance dos últimos datos do uso do galego.
Cabe destacar que Queremos Galego convoca un gran acto o 17 de novembro en Compostela, baixo o lema Mudemos de rumbo. Polo futuro do galego.
“É imposíbel que os datos podan mellorar significativamente”, advirte Maceira, “se non se garante que calquera persoa que queira vivir en galego poida facelo”. “Este era o obxectivo principal do PXNLG de 2004”, recorda. “Un plan incumprido, atacado e despezado en todos os seus obxectivos e medidas”. “Calquera Plan que queira realmente reverter a situación do galego”, indica o presidente da Mesa pola Normalización Lingüítica, “debe partir dos obxectivos e medidas xa aprobados no PXNLG, actualizándoo e estabelecendo un calendario de aplicación e avaliación de resultados daquelas medidas plenamente actuais”.
Marcos Maceira recordou, tamén, que a Mesa está xa traballando para reverter esta situación, ofrecendo información e asesoramento a pais e nais sobre os dereitos mínimos no ensino e extraescolares, cunha campaña sobre dereitos e deberes lingüísticos entre o funcionariado, impulsando iniciativas como Abertos ao Galego que procuran o compromiso do ámbito empresarial e denunciando a situación de exclusión do galego, tanto diante da propia sociedade galega como diante das institucións internacionais como a Comisión de Dereitos Humanos da ONU, á que hoxe mesmo lle enviou un informe sobre a situación que se vive no ensino, na xustiza e na administración, que se exporá o 30 de abril en Xenebra.