Sustanciados, a banda de Mos que mestura con forza influencias de reggae, ska e rock, está a vivir un momento dourado. Co seu son único e as súas letras combativas, cargadas de enerxía, están feitos para facer vibrar e saltar ao público sen descanso. Como finalistas do Concurso de Maquetas do Festival Millo Verde, prepáranse para dar o todo por todo o vindeiro 12 de abril no recinto da antiga feira do ganado de Redondela , onde competirán contra a banda de Melide Alteración por un posto no cartel deste prestixioso festival. Ademais, a banda xa ten confirmada unha xira para o 2025 que os levará por diferentes puntos de Galicia e Navarra. Falamos con Óscar “Mace”, guitarra solista de Sustanciados, para coñecer máis sobre a súa traxectoria, os seus proxectos e o que significa para eles este momento.
A historia de Sustanciados naceu dunha maneira tan natural como divertida. “Somos un grupo de amigos de Mos que levabamos tempo facendo música por separado na banda Xuvenil de Torroso e a de Salceda, e un día de 2019, entre risas, xurdiu a idea de montar algo xuntos”, conta Óscar. O nome da banda ten a súa orixe nunha broma interna: chamábanse “sustanciado” entre eles, como quen di “lambespiñas” a un amigo, e cando chegou o momento de formar o grupo, o nome calou.
Cun estilo que eles mesmos definen como unha mestura explosiva de reggae, ska e rock, Sustanciados ofrece un son fresco pero con moita forza, ideal para non parar de bailar. A banda está formada por nove membros: Diego e Zalo nas voces principais (Zalo tamén na guitarra rítmica), Óscar na guitarra solista, Xoan no baixo, Samu “Baketas” na batería, Marcos nos teclados, Dani e Pablo “Sote” nas trompetas, Juanjo no trombón e Rubén “Tupu” no saxofón. Traballar cunha formación tan grande é un desafío, pero tamén unha gozada, segundo Óscar. “Cada un aporta o seu gran de area, e a formación foi mudando co tempo, acabamos de incorporar a un novo teclista despois da marcha de dous ventos. A clave é a coordinación e a boa onda entre nós”, explica.
A banda xa ten algúns temas publicados, dispoñibles nas súas redes sociais, e o proceso de composición é moi colectivo. “No Millo Verde queremos que o público sinta esa enerxía e traeremos temas novos ademáis dalgúns xa míticos do disco anterior”, di Óscar. Entre os seus temas, varios teñen videoclip: “Consumismo y Capital é un tema que compuxemos seguindo a liña de reivindicación social que teñen as nosas letras”, sinala Oscar.
Chegar á final do Concurso de Maquetas do Festival Millo Verde é un soño para Sustanciados. “O Millo Verde é un festival moi importante para bandas emerxentes, e chegar á final é un recoñecemento ao noso traballo. Compartir escenario con bandas como Alteración é unha oportunidade incrible para aprender e medrar”, explica Óscar. A idea é ir con todas e gañar, pero aseguran que o importante é “pasalo ben e gozar”.
O 12 de abril no antigo recinto da feira do gando de Redondela, Sustanciados ofrecerá un setlist potente, con algunha sorpresa que prefiren non develar. Aquí o público será o encargado de elixir ao gañador que pasará a formar parte do cartel oficial do Festival Millo Verde 2025.
Máis aló do Millo Verde, Sustanciados ten grandes plans para este ano. Xa teñen confirmada unha xira que os levará por diferentes puntos de Galicia e Navarra: o 28 de marzo estarán en Irufia no Bar Garazi; o 29 de marzo en Los Arcos no Bar La Gruta; o 5 de abril en Santiago de Compostela con Sala Moon; o 11 de outubro en Porriño no Bar Liceum; o 18 de outubro en Ourense no Café Cultural Auriense; e o 15 de novembro en Vigo na Fábrica de Chocolate. Ademais, hai máis datas por confirmar. Gañen ou non o Millo Verde, a banda seguirá traballando no seu EP, compoñendo novos temas e levando a súa música a todos os recunchos posibles. Sustanciados chegou para quedar.
